Xornadas do 4 e 5 de Outubro

3ª AUTONÓMICA:AFECCIONADOS

O pasado domingo comezou a andaina do equipo de afeccionados do Furia no Campo de Campaña fronte ó equipo do Ribasar. Ante uns 150 afeccionados e cun día perfecto para a práctica do fútbol o noso equipo non foi capaz de pasar do empate a ceros. O partido foi bastante espeso, por non dicir que foi un pouco soporífero; aínda que hai que ter en conta que é o primeiro partido de liga e os nervos atenazaron ós nosos. Na primeira metade o colexiado non asubiou un claro penalti a “Perreta”, pero aínda así o Furia non se achegou con demasiado perigo á meta do Ribasar defendida por “Capacho”. Na segunda metade o Furia presionou e creou varias ocasións de gol, pero unhas veces os nervos e a mala sorte e outras a falta de olfato goleador impediron acadar a primeira victoria. Destacar os debuts no Furia de “Nino” e de “Rañosinho”, que apuntaron maneiras. Fora do resultado, o equipo ten moito que mellorar, pero todos confiamos no bo facer do adestrador Martín. O próximo domingo o Furia xogará en Lestedo ás 4 e media da tarde. Apoiemos ó equipo.

FÚTBOL SALA FEMININO: 1ª PROVINCIAL SENIOR

O pasado sábado ás 7 da tarde, as rapazas do Furia xogaron o seu primeiro partido como locais no pavillón de Beiro, fronte a un dos equipos punteiros da categoría como é o Brión. Cunha moi abundante presenza de público tanto local como de Brión, o Furia plantou cara ás de Brión; pero ó final ás fichaxes do equipo brionés decidiron coa súa calidade o encontro. O resultado final foi de 0-4 con victoria para o equipo visitante (ó descanso o resultado era de 0-1). As rapazas fixeron un moi bo partido defensivo, aínda que non tan bo en ataque. Destacada actuación unha vez máis da porteira “Sheila” que fixo un partido maravilloso. O Furia ocupa a oitava posición na táboa desta difícil categoría con 3 puntos, e o próximo fin de semana tócalle descansar.

2ª AUTONÓMICA XUVENIL

Inesperada derrota dos Xuvenís o sábado pola tarde en Campaña diante do Val do Ulla. A pesar de que o equipo comezou moi ben, cuns primeiros minutos espectaculares onde se adiantaron no marcador por medio de “Pipe”, e puideron marcar algún gol máis; pouco a pouco deixáronse levar e o Val do Ulla foi subindo a moral ata chegar a empatar antes do descanso. Logo do tempo de lecer, a segunda metade foi moi igualada, con oportunidades para os dous equipos, e nunha delas o equipo visitante adiantouse e os nosos mozos xa non foron capaces de remontar. Aínda así hai que confiar no equipo porque teñen moitas posibilidades de facer unha moi boa tempada. Ánimo. O próximo encontro disputarano o sábado pola tarde as 4 e media da tarde contra o Bastavales, neste último pobo ó que cantou Rosalía.

2ª AUTONÓMICA CADETE

Comeza unha nova andaina dos nosos cadetes, logo de que o ano pasado baixaran da 1ª Autonómica, nesta nova categoría. Da man de “Suso Bousón” e de “Ronaldinho”, os chavales tentarán facer todo o que poidan nesta difícil temporada. O primeiro encontro xogarano no Milladoiro, contra este equipo, o domingo ás 11 da mañán.

2ªAUTONÓMICA INFANTIL

Tamén comeza a súa andaina o equipo infantil. Os novos adestradores “Flores” e Xavi “Casano”, tentarán facer esquencer a regular temporada do ano pasado. “Yupi”, “Lucas”, “Xosé Manuel, “Yonis”, e compañía tentarán facer unha campaña meritoria. Comezarán a competición o sábado ás 11 da mañán no Campo de Campaña. É o único partido que xogamos na casa este fin de semana, así que hai que ir animar. O rival será complicado, xa que nos imos enfrentar  ó Bastavales.

Ánimo e sorte a tod@s

This entry was posted in Sen categorizar. Bookmark the permalink.

One thought on “Xornadas do 4 e 5 de Outubro

  1. Un forte aplauso para o responsable ou responsables da indumentaria do equipo feminino. Encantame persoalmente , recorda moito á mitica segunda equipacion do sevilla . Outro forte aplauso ao señor Toño Carou por joder a foto…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *