XORNADA DO 8 E 9 DE NOVEMBRO

AFECCIONADOS: PRAÍÑA-FURIA (2-2)

Enorme o partido que se vivíu o domingo pola tarde no campo de Reis. Dous equipos entregados, nun terreo de xogo moi enlamado, que fixeron vibrar ós siareir@s dos dous equipos. O Furia dominou durante todo o encontro facendo un xogo moi ofensivo e con moitísimas ocasións de gol. Pero en dúas xogadas puntuais (unha a balón parado e outra nun fallo da defensa garrafal- debido en parte ó estado do campo-) fixeron que o Praíña fose ó descanso cunha vantaxe de dous goles a cero. O Furia dispuxo nesta primeira metade de polo menos catro ocasións clarísimas de gol, pero non as materializou. Lonxe de desanimarse, os nosos saíron con gañas e en só un minuto, primeiro Manolito (cun auténtico golazo) e Rubén cunha gran xogada de todo o equipo puxeron as táboas no marcador ós 15 minutos. O Furia veuse aínda máis arriba e tivo innumerables ocasións para adiantarse, ( e incluso houbo polo menos dous penaltis claros que o colexiado non veu ou non quixo pitar), pero o resultado de 2 a 2 foi definitivo. Tamén hai que destacar o xogo do Praíña que demostrou que o de estar nos últimos postos da clasificación é circunstancial porque teñen un bo equipo e tamén puideron gañar o partido no último minuto pero Peixe fixo unha parada espectacular nun man a man co que se plantou o dianteiro dos locais, logo dunha contra. Hai que destacar a loita, a entrega e o bo xogo de todo o equipo; pero si temos que destacar a alguén sería a Micky, que fixo un partido inconmensurable. Esta semana o equipo descansa na liga; e estamos pendentes da disputa dun gran partido amistoso contra a Selección Galega de Xordos; pero que aínda está sen confirmar.

FÚTBOL SALA FEMININO: XERFA-FURIA (5-1)

Non teñen sorte as nosas rapazas. Fixeron un moi bo partido no Burgo, na Coruña; con moitas ocasións de gol; pero a mala sorte e algunhas decisións arbitrais (que estiveron desastrosas e moi caseras) fixeron que o noso equipo voltase sen nada positivo. Moi bo partido de tódalas rapazas. O gol das nosas foi marcado por  Vanesa aproveitándose dun tiro magnífico de Mari que rexeitou a porteira. O próximo sábado, en Beiro, reciben ó Fame Negra de Carral-A Coruña, ás 7 da tarde. Pode ser unha moi boa ocasión para conseguir a primeira victoria na casa e darlle unha alegría a afección.

XUVENÍS: AMES-FURIA (1-3)

Xa era hora. O equipo dos nosos mozos parece que empeza a carburar. Dous golazos de Pascolo (que é o máximo artilleiro do equipo e está a ser a revelación deste inicio de campionato) ó máis puro estilo Xulio Salinas, e un máis de Brais (dende o punto de penalti); fixeron xustiza á gran superioridade no encontro do Furia. Gran partido de todos eles que parece que van a máis e que empezan a ir para arriba. O próximo sábado, ás 4 da tarde en Campaña; outra pedra de toque importante, e ademáis é un derbi, xa que nos visita o Cordeiro. Esperemos que as condicións climatolóxicas nos deixen disfrutar dun gran encontro de fútbol. Ademáis a atención vai estar centrada nos banquiños, xa que todo o mundo está desexando ver o duelo entre Polo-Cacharrito e Oscar Xil-Manolo do Xastre.

CADETES: FURIA-X. OROSO (4-6)

Unha mágoa. Gran partido, con moitos goles e moito espectáculo. O Furia (que sempre foi a remolque no marcador), pelexou ata o final por conseguir algo positivo, pero non puido ser. De tódolos xeitos o numeroso público congregado, premiou cunha ovación ós dous equipos polo festival de xogo.  Dous goles de Gasito (máximo artilleiro), outro de Iván Potel e un máis do incombustible Titovichenko, fixeron que o Furia acariñase algún punto. Esta semana descansan, para repoñer forzas. ¿Irán concentrados a un balneario en Baños de Molgas?

INFANTÍS: SP. ESTRADA- FURIA (4-0)

Superioridade do equipo da Estrada. Aínda así, os nosos foron cun resultado esperanzador ó descanso de 1-0. Gozaron de varias oportunidades, por medio de Yupi Hei, e de Lucas; pero o equipo rival sentenciou ó contragolpe. Por primeira vez o corpo técnico dos infantís ó completo foi ó encontro, e ademáis do sempiterno Xavi Cotón, tamén estiveron no campo, o segundo Flores; o adestrador de porteiros Xosé Bodaño; e o coordinador da categoría infantil Manuel Núñez. O próximo encontro disputarano en Campaña, fronte ós nosos viciños de Pontecesures. Boa oportunidade para conseguir a primeira victoria.

BENXAMÍNS: FURIA-DUBRA (2-12)

Partido arbitrado por un afeccionado do Dubra e iso notouse no resultado final. Bo partido, a pesar do que parece indicar o marcador, dos nosos chilíns. Dous golazos de Serxio Rico, maquillaron o resultado, ante un equipo que se amosou moi superior. Próximo partido en Dodro, o sabado. Seguro que van a colleitar un bo resultado.

This entry was posted in Sen categorizar. Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *