XORNADAS DO 28 DE FEBREIRO E DO 1 DE MARZO

AFECCIONADOS: FURIA-PRAÍÑA (3-1)
Gran vitoria dos homes de Mac, que parece que volven a estar moi entonados. O partido foi dominado dende o principio ata que o colexiado pitou o final, non sie antes pitar un penalti rigoroso que lle dou o gol da honra ó Praíña. Gran encontro outra volta de Flores que se reivindica como a gran fichaxe desta última parte da temporada. Os goles foron marcados por Rubén, Álvaro e novamente Tito (que marcou novamente despois de moito tempo sin facelo). A nota positiva foi o partidazo que se “marcou” Lilu, que saíu de titular, co dez ás costas e que respondeu marabillosamente á confianza que o míster depositou nel. O próximo domingo descansan.

FÚTBOL SALA FEMININO: DRAKO-FURIA (11-1)
Enganoso o resultado. Aínda que o que poñemos nestas liñas parece unha parvada, non o é así. A pesares das numerosas baixas que tiñan as nosas rapazas, foron capaces a plantar cara a todo un líder durante a primeira metade. Pero a maior preparación física das coruñesas, fixo que golearan na segunda metade. O gol da honra foi marcado por Vanesa nos primeiros vintecinco minutos. O sábado volven a viaxar, a Sada, onde se enfrontarán ó equipo local, con hora aínda sen determinar.

XUVENÍS: CORDEIRO-FURIA (1-2)
Outro derbi para enmarcar, e outro derbi que temos no “papo”. Gran estratexia táctica a despregada por Polo e Scotter, que lle gañaron a partida por completo ó tándem Xil-Manolo do Xastre (éste último desaparecido nas labores técnicas, e moito máis pendente das tarefas organizativas; e lucindo unha chamativa gorra vermella da marca “Spiderman”). Adiantouse o Furia, cun gol de Ferro; e sería Pablo Busto o que desfaría as táboas que campeaban no marcador, xa na segunda metade. Un gol que resultou a todas luces decisivo. O mellor do encontro segundo tódolos medios periodísticos desprazados ó encontro foi Brais que lle puxo algo de sentido ó xogo. O próximo sábado ás 4 e media da tarde, mídense ó San Mamede, coa intención de continuar coa racha triunfal e conseguir a quinta vitoria consecutiva.

CADETES: DUBRA-FURIA (10-0)
Último e peor partido dos de Suso. O resultado o di todo. Sen embargo hai que felicitar ó equipo porque este ano conseguiron facer unha campaña máis que aceptable, rematando nunha digna sétima posición da táboa clasificatoria. Agora o próximo obxectivo será a copa, á que van a por todas. A clasificación podédela ver na páxina; aínda que a próxima xornada faremos un resumo da súa traxectoria ó longo da temporada e quizais algunha sorpresa (fotos, entrevistas, enquisas, etc.). Noraboa rapaces.

INFANTÍS: PONTECESURES-FURIA (4-5)
Espectacular encontro o celebrado no Ramón Diéguez de Pontecesures. Dous equipos completamente volcados ó ataque e que brindaron un enorme espectáculo futbolístico. Así si se consegue crear afección. Puido gañar calquera, pero ó final o equipo liderado esta vez por Lucas “Brasi” (que marcou dous tantos) conseguiron os tres puntos. Os outros goles foron obra de Samuel Castiñeiras (por partida dobre- e que é un rapaz que apunta maneiras-) e un golazo impresionante de Yonis “Mambis”. O feito máis destacable foi o debut na portería nos últimos vinte minutos de Danielinho, que como dixo o adestrador Xavi Cotón “ten moi boas maneiras de porteiro e defendeuse moi ben”. O próximo sábado ás 12 da mañá, en Campaña, mediranse ó Escravitude. Unha boa ocasión para seguir ascendendo postos na clasificación.

ALEVÍNS: CORDEIRO-FURIA (3-1)
Este derbi foi sen embargo para o eterno rival. A pesar de que o Furia adiantouse no marcador cun novo golazo de Pedrinho; a maior fortaleza física dos rapaces do Cordeiro, fixo que o encontro se decantase ó seu favor. Un gran partido e moi bo ambiente; onde os xogador@s de ámbolos equipos disfrutaron. Sábado ás 10 e media da mañán enfróntanse ó Flavia. Un oso duro de roer.. Sorte.

BENXAMÍNS: FURIA-TORDOIA (3-7)
¡Que lástima!. Logo de facer fronte durante toda a primeira parte (ó descanso o marcador era 3-3), ó equipo rival; un baixón físico fixo que os visitantes se levasen a victoria. Un dos mellores partidos de toda a temporada dos pequechos. Os goles anotados por Lois e como non por Serxio Rico (2), que está que se sale. Novo gran partido de Anxo Muñiz. O venres desprázanse a Bertamiráns, onde se enfrontarán ó equipo local ás 6 e media da tarde. Ademáis é o último partido da temporada.

This entry was posted in Sen categorizar. Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *