SEGUNDA AUTONÓMICA

FURIA – 2 / BRIÓN – 2

Campo Municipal Ramón Diéguez, tarde solleira e mais público do esperado. Enchéronse os “recollepelotas” de traballar, especialmente na segunda metade cando se puxo por diante o Brión.

Colexiado : Xosé Gude, de Boiro. Ben, non tivo moitos problemas. Amoestou con seis amarelas ó Brión e con dúas ó Furia.

 ALINEACIÓNS :

FURIA : Jóse, Maleko (Xabi, 63′), Patxi, Martín, Manuel (Moncho, 75′), Juanjo, Adrián Ferro, Tito, Manolo, Diego e Álvaro.

BRIÓN : Diego, Vilouta, Fraga (Daniel, 46′) (Antonio, 63′), Andrés, Marcos, Torkovic, Roberto, Mouriño, Suso (Manolo, 52′), Carlos (Arufe, 89′) e Adrián.

 

Hoxe temos que recoñecer que o fútbol a veces é a hostia. Nun partido moi disputado o Furia atopouse cun marcador final que de estar un pouco atinados os dianteiros do Brión outro galo cantaría.

 

Empezou marcando moi pronto o Furia, minuto 4, por medio de Tito ó enganchar un balón solto na area logo dun saque de esquina. O balón vai dun lado a outro sen moito éxito ata que no minuto 20 un xogador do Brión enganchou unha volea dende fora da area que se colou entre as mans de Jóse, que estaba un pouco adiantado, e o traveseiro anotando un bonito gol. Un pouco antes do descanso enviaría o Brión un disparo ó pau da meta de Jóse que non se colou por pouco poñendo o susto no corpo á marabillosa afición local. O Furia seguía loitando pero sen moito éxito, entre outras cousas, porque a defensa visitante non se andaba con “chiqitas”, senón que llo pregunten ós recollepelotas que foi o día que mais traballo tiveron dende que xogamos en Porto. O Brión seguía dominando aínda que sen poder adiantarse antes do descanso. Remate dos primeiros 45 minutos e a peña a xerrear. Sorteo do lacón sendo o agraciado o pai do xogador infantil Rubén Gasamanes.

 

Comenza a segunda metade e nada cambia. O Brión sigue dominando dispoñendo de varios mans a mans contra Jóse, que hoxe substituía a Peixe, que entre a mala puntería e as boas intervencións do noso porteiro non resultaron positivos. Mais de tanto ir o cántaro á fonte acabou rompendo para eles e adiantarse así no marcador, 1 a 2, quedando aínda por disputar uns 20 minutos, facéndose pensar no peor. O adestrador do Furia dálle entrada a Moncho e a Xabi, dispoñendo este dun remate de cabeza que enviou por riba da meta de Diego. O Furia, con mais corazón que cabeza, foise arriba cunha defensa de tres propiciando que os ataques do Brión fosen mais claros sen moita sorte aínda que, nunha destas, envearían outro balón o pau sen maiores complicacións. Cada vez que chegaba o balón á area do Brión a defensa non tiña ningún problema en mandalo fora do campo, ben á casa de Boquete, ben á casa de Alfonso, ben á casa do Perruqueiro, ben polas pistas ou ben polo monte sen ningún tipo de complexos para intentar ganarse uns segundos do tempo que quedaba. O fútbol é a hostia e, despois de sacar varios córner e bombear varios balóns á area visitante sen moito atino, Tito, no tempo extra, sufre unha falta no borde esquerdo da area do Brión. É a última oportunidade para empatar. Collen o balón Xabi, Diego e Manolo sendo este o que dispara directo anotando un gol de “primeira división” sendo abrazado por tódolos compañeiros con moito agarimo e recompensado por todo o público cunha prolongada ovación.

 

Seguimos invictos no Ramón Diéguez, sumando puntos, e non nos queda outra que felicitar ó Brión por ser, ó noso entender, o mellor equipo que pasou por aquí.

 

O domingo temos que visitar ó Cacheiras,  outro coco da categoría. Iremos a polo triunfo.

 

…………..HALA FURIA   !!!!!!!!

This entry was posted in Sen categorizar. Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *